COMUNICADO DA MERCANTIL FREIRE CHICO S.L.

     

     

    Diante das informacións publicadas na prensa esta mesma semana en relación coas incidencias acontecidas nos comedores das escolas infantís xestionados pola mercantil FREIRE CHICO S.L., entidade que actúa baixo as marcas comerciais Airas Cátering, Xantar Contigo, Xanta Connosco, Airas Eventos e Airas Nunes café,  e antes de ningunha outra consideración, quere comunicar que,

    esta empresa LAMENTA PROFUNDAMENTE as reaccións alérxicas producidas en crianzas atendidas polos nosos servizos na Rede de EE II, estamos ao dispor dos colectivos profesionais e familiares para calquera información adicional.

    Ademais  traslada as seguintes consideracións:

    PRIMEIRA.- A empresa comezou a prestar o servizo ao colectivo de crianzas de 0 a 3 anos na Rede de Escolas Infantís de Galicia o 9 de Febreiro do ano 2009. Desde aquela data, o número de crianzas atendidas nos distintos comedores das respectivas escolas infantís foi medrando a un ritmo constante, pasando das dúas primeiras escolas asumidas e unha media de 50 crianzas diarias nos inicios,  até as 99 escolas e unha media  de 3.800 crianzas que tamén, con frecuencia diaria, atendemos na actualidade.

    Ademais desta liña, a nosa empresa vén prestando e presta na actualidade o servizo de comedor tanto a colectividades como ao público xeral, tamén noutros ámbitos como residencias de maiores, distintos e diversos centros de traballo, comedores escolares dos ciclos de infantil, primaria e ESO, residencias e centros ocupacionais, campamentos, eventos deportivos, etc., tanto nos sectores público e privado.

    Nos últimos exercicios, (período 2016-2019), este empresa mantivo unha media diaria de 8.000 menús servidos .

    En todo este tempo non temos rexistrado ningún episodio relativo a alertas alimentarias nin incidencias salientábeis no desenvolvemento da nosa actividade.

    SEGUNDA.-  O modelo de prestación do servizo de comedor é distinto segundo a liña que se trate; así, operamos baixo as modalidades de liña quente con entrega por riba dos 65º centígrados, de liña fría refrixerada, de liña fría envasada ao baleiro e con introdución de atmósfera protectora, ao tempo que a elaboración pode ser feita desde as nosas instalacións centrais e entregada no punto de consumo final ou elaborada in situ, nas instalacións onde vai a ser consumida. En concreto, o servizo prestado na liña de escolas infantís de 0 a 3 anos da Rede de Escolas Infantís de Galicia adscritas ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o é na modalidade de liña quente con elaboración in situ nas instalacións onde se consumen os menús elaborados polo noso persoal sobre cuxa profisionalidade podemos igualmente dar todas as garantías; modalidade esta, prescrita nos pregos reguladores do servizo en tanto que demandada, tradicionalmente, pola comunidade educativa.

     Desde o comezo da nosa actividade nestas escolas a materia prima foi sempre fresca, produto fresco, medida que a nosa empresa adoptou consciente da importancia determinante que esta elección tiña para un colectivo tan sensible como o que se atende, as crianzas de 0 a 3 anos, querendo aportar con elo a maior calidade posible á súa alimentación.

     Este criterio, que foi sempre norma para a liña 0 a 3 anos, foi trasladado posteriormente ás outras liñas, até que no ano 2015 fíxose extensiva e obrigatoria para totalidade da actividade da empresa

     TERCEIRA.- O nivel de afectación dos episodios de reacción alérxica vividos nas xornadas do 18 e 21 de outubro do 2019 e do pasado martes día 5 de novembro, de carácter leve, con afectacións cutáneas momentáneas, representou, en termos cuantitativos,  un valor certamente pequeno en relación co volume diario dos menús servidos na totalidade das escolas infantís da rede pública.

    CUARTA.- A nosa empresa conta cun rexistro sanitario co que desenvolve a súa actividade nas instalacións centrais, expedido polo Ministerio de Sanidad y Consumo, así como con rexistros en cada un dos puntos de elaboración de menús nos que opera en réxime de empresa de restauración sen instalacións propias. Este tipo de rexistros levan implícita a aplicación dunhas metodoloxías de traballo e sistemas de autocontrol sometidos á permanente revisión e supervisión das autoridades sanitarias. Ao tempo, a empresa ten implementada a norma de calidade ISO 9001 pola que se obriga a  cumprir distintos protocolos de calidade regrados e auditados. Precisamente nas xornadas citadas, a aplicación inmediata do noso protocolo de alerta alimentaria e a súa correcta coordinación permitiu que en menos de 25 minutos se paralizase nas 99 escolas infantís nas que a nosa empresa cociña a diario, o menú en curso e que este fora substituído por un menú de emerxencia, o que evitou unha maior propagación da reacción alérxica.  

     QUINTA.- Desde o momento da comunicación ás autoridades sanitarias da aparición dos distintos episodios de reacción alérxica, estas fixeron inmediato acto de presenza nas nosas instalacións e supervisaron as medidas tomadas pola empresa comezando polas destinadas a impedir a propagación da afectación a outros públicos ou colectivos para pasar despois á revisión exhaustiva e profunda da actividade da empresa no tocante á verificación do cumprimento da Lei de seguridade alimentaria.

     

     

    SEXTA.- Desde o primeiro momento, a nosa empresa, primeira interesada, por obvias razóns sociais e profisionais, na detección da orixe deste problema,  puxo ao servizo das autoridades sanitarias e do órgano de contratación do servizo, todos os recursos cos que conta, en aras do rápido esclarecemento das causas que teñen provocado os intolerábeis episodios de reacción alérxica.

     

    SÉTIMA.- Freire Chico S.L. ten adoptado, de forma inmediata, todas e  cada unha das indicacións que lle foron requeridas tanto polas autoridades sanitarias como polo órgano de contratación do servizo, sendo algunhas delas de dominio público. Mantén un nivel de coordinación absoluto con ambos organismos en cada unha das accións e pasos que se dan, informando previamente de cada medida e valora moi positivamente as medidas e directrices  que desde estas entidades están sendo emitidas, tendo constancia da intensidade e altísimo volume de traballo que a diario se está a coordinar.

     

    OCTAVA.- Ao tempo, a empresa ten emprendido de forma activa liñas de investigación propias tendendes a aportar luz sobre as causas que provocaron os feitos descritos. Neste sentido ten contratado gabinetes especializados nos ámbitos da seguridade alimentaria, (laboratorio, consultas epidemiolóxicas e dermatolóxicas), e investigacións internas a través do departamento de calidade, liñas que seguen o seu curso. As medidas que se están a tomar a diario, incluída a confección de menús restritivos xornada a xornada, son consecuencia deste proceso de investigación interna.

     NOVENA.- Agardamos que á maior brevidade posible se teñan atopado e dado a coñecer as causas efectivas que teñen provocado estes inaceptabeis episodios e se poida poñer fin de forma concluínte a  esta alteración da normalidade que viña presidindo a nosa actividade.

     DÉCIMA.- Alimentar a case catro mil crianzas ao día e outras tantas persoas de outros colectivos é unha altísima responsabilidade que vimos asumindo con solvencia na última década. Os episodios recentes cuestionan esta labor construída desde abaixo e paseniñamente. Queremos ante todo e por riba de todo, reiterar e compartir a nosa máxima preocupación polas crianzas e familias afectadas. A elas queremos presentar unha vez máis as nosas máis sinceras desculpas polos prexuízos que a nosa actividade lles poda ter  ocasionado.

     Como sempre e máis do que nunca, estamos ao completo dispor das familias, o colectivo de educadoras/es e da Administración para que feitos como estes non se repitan de modo ningún no futuro, para o cal contan con toda a nosa colaboración e implicación profesional e persoal.

     

     Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019.

     

    A DIRECCIÓN DE FREIRE CHICO S.L.