Servizo de Pratos Elaborados a Domicilio. “Xantar Contigo”

 

As mudanzas de hábitos sociais experimentados nos últimos anos teñen manifestado a necesidade de atender novas demandas. A falta de tempo, a necesidade  de conciliar vida laboral e familiar, unha maior demanda de tempos de ocio, provocou un incremento notábel do consumo de produtos elaborados e precociñados, así como a demanda de servizos coñecidos como “comida rápida”.   O abuso deste tipo de produtos con alta concentración de graxas ou da busca de solucións rápidas por falta de tempo, xeraron problemas de mala nutrición, obesidade e distintas alteracións do que tiña sido o estándar correcto de alimentación equilibrada, coñecida como “dieta mediterránea” ou “dieta atlántica”, máis próxima ás nosas latitudes.

Atentos a esta realidade, Airas Cátering lanza ao mercado unha  nova liña destinada a cubrir esta necesidade que a nova realidade social xerou: a falta de tempo para a elaboración. Co desexo de garantirmos unha alimentación segura e equilibrada, tentamos solucionar este   grande problema que ameaza a individuos e colectivos.

O servizo consiste pois en levarmos ao domicilio do cliente de forma periódica, diaria ou semanalmente, o menú do día envasado en barquetas individuais ou multiporción, en atmosfera protectora, de tal xeito que o usuario/a, só teña que rexenerar o produto a consumir e poder disfrutar en cinco minutos dun menú equilibrado, seguro, saboroso e enmarcado nos valores culturais, (gastronómicos), do entorno ao que se destine.   

 O noso persoal de loxística e distribución encárgase de repoñer coa frecuencia establecida co cliente, o número de pratos precisos para o período definido, colocalos por datas no seu refrixerador , así como asesorar nos procesos de conservación e rexeneración do produto.